Froito dun ano de laboriosidade, o fotógrafo Fernando Páez (Ribadeo, 1953) preséntanos “Ás portas de Rinlo”, a súa persoal visión das xentes e paisaxes deste lugar primixenio e antigo. O gusto do fotógrafo pola representación silenciosa do paso do tempo (“Incursións”, 2005) e o pulso para captar o inenarrable continúan vivos neste novo traballo. O artista retrata os veciños en actitude estoica ás portas das súas casas ou no límite do espazo transitado dos cantís, captando a súa ineludible e dura existencia diaria. As imaxes austeras, melancólicas e naturalistas son tanto unha homenaxe ás persoas e a natureza portentosa que os protexe e alimenta como unha reflexión sobre a sinxela e heroica relación que o mundo tradicional é capaz de establecer co medio que habita e constrúe. O artista capta a resonancia poética desta existencia e conmovenos coa representación do mais humilde, inhóspito ou extravagante; marcas propias da identidade elusiva deste lugar.
“Ás portas de Rinlo” forma parte da iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC”. O obxectivo é resaltar a singularidade e o valor patrimonial de Rinlo a través da mirada atenta e sensible da arte, reivindicando o valor do vernáculo e a paisaxe histórica do núcleo. O fin que nos alenta é o de promover a causa da súa conservación, concienciando ós cidadáns da importancia de defender e valorar o propio. O catálogo da exposición que publica a Área de Cultura da Deputación de Lugo reúne un total de 50 imaxes que nos acercan e recrean a beleza acumulada no espazo imaxinario da historia e a cultura tradicional que esmorece. Sumar vontades a favor da protección e declaración de Rinlo un Ben de Interese Cultural pode ser o primeiro paso cara a unha actitude máis responsable cos entornos tradicionais en que vivimos, unha oportunidade para comezar a construír un futuro sen perder o sentido e o significado do pasado.
Carlota Eiros, arquitecta
Invitación Refectorio "Ás portas de Rinlo"
O asfaltado da lonxa do Parque
Criamos que eran cousas do pasado os atentados ao patrimonio e as barbaridades urbanísticas. Está claro que para o Parque de Rosalía e a súa contorna non corren bos tempos. Tamén criamos que cun alcalde filósofo e unha concelleira de Cultura e Turismo profesora de historia na Universidade, a sensibilidade faríase valer sobre o que ten os picos e as pas pero que carece do coñecemento suficiente para poder discernir entre o que ten mérito do que non o ten, do estético e do antiestético. Pero equivocámonos, porque o ser de letras parece que non garante unha predisposición á sensibilidade, nin ao cultivo do bo gusto, nin ao aprecio polas cousas ben feitas. Estes políticos son o exemplo da paletada, o mal gusto e o despropósito.
Primeiro permitiuse unha urbanización nun lugar que nos vai privar das fermosas vistas que se divisaban desde a pérgola. Precisamente don Ángel López Pérez, a quen se debe o parque, comprou no seu día unha leira para evitar que se construíse nela e entorpecese a que era unha das vistas máis bonitas de Galicia.
Despois demoleuse o pedestal da estatua da España, un exemplo Déco da arquitectura do cemento dos anos 20, no que foron ao vertedoiro catro escudos de cerámica de Manises e causáronse graves danos á escultura fundida en Sargadelos. Fíxose para pór no seu lugar un pastiche fóra de contexto e mal executado.
E agora acábase de cubrir con alcatrán unha lonxa cun pavimento artístico, realizada fai 45 anos con materiais nobres, lastras de granito e canto rodado, deseñada polo arquitecto Efrén García Fernández por encargo do Concello en 1961, e executada en 1964. E isto faise co pretexto de que é custoso mantela. Así que, xeneralizando o argumento, non debería de estrañarnos de que calquera día nos sorprendamos co mesmo tratamento na contorna da Catedral.
Día 3 de novembro, martes: ás 20 h. no salón de actos da Deputación provincial, exposición e proxeccións dos investigadores Orlando Viveiro Veiga e L. Hixinio Flores Rivas sobre Os Ancares no outono: paisaxe e vida, conferencia previa á viaxe a realizar na xornada do sábado, 7 de novembro.
Antes desta conferencia, entre as 18,30 e as 20 h. quen queira participar na viaxe, poderase anotar no mesmo lugar (salón de actos da Deputación). Para a admisión, as asociadas e asociados terán preferencia sobre os que non o son.
Día 7 de novembro, sábado:
PAISAXE E VIDA: OS ANCARES NO OUTONO. Itinerario
8.00.-Saída de Lugo do lugar habitual (fronte Instituto Lucus Augusti).
9.30.-Parada en Navia para tomar café, ver a ponte medieval e máis a casa torre.
10.30.-Chegada a Coro, lugar da parroquia de Rao, onde veremos a distribución das construcións no espazo do lugar: casa e adxectivas (hórreo, cuartín, palleiro,....). Restos de unha palloza. Capela de Santa Mariña. Andaina deica o Muíño de Morodo que está no río Murias, xusto cando se xunta co Rao. No paseo veremos a paisaxe con espectaculares castiñeiros, avelairas, etc.
12.15.-Parada breve en Santa María de Rao, para ver o Castiñeiro das cruces (fotografiado nos anos trinta do século XX por Walter Ebeling), e tamén unha ollada á igrexa.
13.00.-Saída para Balouta, pasando por Murias, con breve parada despois para ver o val do Rao. Entrada na Gorxa do Rao con espectacular vexetación e cores (dende o marrón até o amarelo dos freixos). Veremos de facer algunha parada breve.
13.30.-Comida en Balouta.
15.00.-Visita breve a Balouta.
15.30.-Saída para o Porto de Ancares e Mirador de Balouta. Explicación dos vales de Candín, Suárbol, e Balouta así como dos picos máis representativos como o Miravales.
16.00.-Baixada para Suárbol e o Piornedo.
16.30.-Visita ao Piornedo. Paseo polo núcleo para observar a súa estrutura e situación das construcións. Visita á Palloza museo do Sesto onde trataremos de facer aportacións á exposición sobre a morfoloxía e funcións da palloza. Tamén teremos contacto con xente da Asociación "O Teixeiro" para ofrecer unha explicación/interpretación musical coa pandeira como protagonista.
18.30/19.00.-Saída para Lugo.
21.00.-Chegada estimada.
A Asociación cultural LugoPatrimonio, e no seu nome, o Presidente, D. Lois Diéguez, o día 18 de outubro do 2009, tomou a resolución que deseguido se detalla:
A felicitación a D. Óscar López Mendaña, que durante a mañá do día 18 de outubro desenvolveu, xuntos con outras persoas, unha guía orixinal e atractiva á cidade de Viana do Bolo, conducindo a 47 persoas de Lugo, Vigo, A Coruña e outros lugares de Galiza.
Destacamos a forma orixinal, pois co recibimento cariñoso dun grupo de pandereiteiras que nos ofreceron unha mostra do vestiario, cancións e música de Viana, o paseo polos lugares destacados da cidade, ese detalle sempre agradecido dos bocadiños ou almorzo de media mañá, e a visita tan agradábel e intelixente (teatro sentido de Óscar e Susana, bos actores tamén), á torre medieval e ao seu museo etnográfico (por certo, esplendidamente montado), conseguiron que as 47 viaxeiras e viaxeiros, deixaran a promesa de volver un día con amigos e familiares a coñecer con máis tempo non só a cidade, senón tamén o resto do concello e a comarca.
LugoPatrimonio ten unha longa experiencia viaxeira por moitos países e culturas, e sabe apreciar a calidade dun lugar e a exposición que sobre o mesmo se pode artellar, e o atractivo que na mesma se pode conseguir, de aí esta insistencia en deixarlle patente aos veciños e veciñas de Viana e ás súas autoridades, o potencial e o bo futuro económico que se poden desenvolver, coa experiencia e maxisterio de guías e participantes como arriba deixamos relatado.
LugoPatrimonio, asimesmo, na despedida e agradecementos que fixemos diante do castelo de Viana, deixou a promesa de asistir a esa outra parte que, loxicamente, non puidemos ver, como é o sonado e colorido Entroido de Viana cos personaxes tan atractivos como son os Boteiros, e como non, con esa gastronomía que, do mesmo xeito, valoramos xa na vila de O Bolo.
Exténdanse estas palabras agradecidas ao seu alcalde como representante máis directos do pobo de Viana do Bolo.
Viana do Bolo, a 18 de outubro do 2009-10-25
O Presidente de LugoPatrimonio
Asdo: Lois Diéguez
As terras de Viana, viaxe con proxeccións e música, da autoría de D. Óscar López Mendaña, animador sociocultural.
O Vicepresidente da Deputación D. Antón Bao, patrocinador do ciclo, e o presidente de LugoPatrimonio, D. Lois Diéguez, facendo a clausura oficial deste Ciclo.
Dª Sabela Rodríguez lendo o poema Hino ao Viño, de Florencio M. Delgado Gurriarán.
Conferencia de D.X. M. Fernández Anguiano sobre Aspectos técnicos do viño: a súa relación coa saúde.
Logo de se cumpriren máis de dous anos da destrución dos restos do círculo lítico da Mourela, as máquinas que traballan no selado dos taludes da autovía AG-64 veñen de destruir parcialmente un dos túmulos que se atopan emprazados a escasos metros dos noiros da autovía.
En http://www.amigus.org/mourela.php informan diariamente das novidades.
Podes ver tamén as fotos do sucedido no seu DIARIO NECROLÓXICO DO CÍRCULO LÍTICO DA MOURELA.
- Enxeñeiro Técnico Agrícola, especialista en Vitivinicultura
- 1957 a 1986 e de 2002 a 2006: Enxeñeiro Agrícola do Ministerio de
Agricultura e da Consellería de Medio Rural
- 1980 a 1990: Vocal técnico do Consello Regulador de Denominación de
Orixe Rías Baixas
- 1982 a 88: Presidente do Consello Regulador de Denominación de Orixe
Ribeiro.
- 1985 a 2004 : Vocal técnico do Consello de Denominación de Orixe
Orujo de Galicia
- Fundador da Irmandade dos Viños Galegos e membro síndico do sanedrín
de dirección desta irmandade
- Colaborador semanal no suplemento Ecoagro de La Región con artigos
de opinión sobre asuntos do sector agropecuario
- 1972 a 2002: Fundador, presidente e director xeral da Estación
Invernal Manzaneda, S.A. (MEISA)
- 1972 a 1978: Conselleiro do diario ourensán La Región
LugoPatrimonio, xunto con milleiros de persoas, colectivos e asociacións, constituiu a Plataforma Queremos Galego para loitar contra a persecución que está a sufrir o noso idioma. Nunca aceptaremos que se hostigue de xeito tan vil o máis grande patrimonio creado polo noso pobo.
QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá que nace coa pretensión de unir persoas, colectivos e institucións da máis diversa natureza baixo tres premisas básicas:
1. A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
2. A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
3. Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.
http://www.queremosgalego.org/
13 de outubro: As terras de Viana, viaxe con proxeccións e música, da autoría de D. Óscar López Mendaña, animador sociocultural.
Será no salón de actos da Deputación provincial de Lugo, ás 20 h.
14 de outubro: clausura do Ciclo Viño e poesía, coa conferencia de D. X. M. Fernández Anguiano sobre Aspectos técnicos do viño: a súa relación coa saúde.
Será no Complexo Xuvenil Lug, ás 20 h. Previamente á conferencia, o Vicepresidente da Deputación D. Antón Bao, patrocinador do ciclo, e o presidente de LugoPatrimonio, D. Lois Diéguez, farán a clausura oficial deste Ciclo. Dª Sabela Rodríguez lerá o poema Hino ao Viño, deFlorencio M. Delgado Gurriarán.
A viaxe que se realizará durante os días 17 e 18 de outubro, polas terras do Barco de Valedoras e da Rúa, terá como inspiración e lectura a obra poética de Florencio M. Delgado Gurriarán, cantor destas fermosas e descoñecidas terras.
Óscar López Mendaña (Astorga, 1968). Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación na especialidade de Orientación Escolar (Uned 2002). Posúe unha ampla experiencia no campo educativo e sociocultural. Sacerdote ó longo de 10 anos, (Licenciado en Estudios Eclesiásticos, Facultade de Burgos 1992), chegou a Galiza no ano 1994 desenvolvendo traballos docentes no Colexio Pablo VI da Rúa de Valdeorras (Ourense) e o C.E.I.P. Bibei (Viana do Bolo).
Hai sete anos abandonou o sacerdocio e dende entón compaxina o seu traballo profesional como asesor de empresas e axente de seguros coa súa paixón: a animación sociocultural. Educador Social, colexiado no Ilustre Colexio de Educadores Sociais de A Coruña e Ourense, Experto Universitario en Animación Sociocultural (Uned ) e Animador Sociocultural (Universidade Pontificia de Salamanca) traballa profesionalmente neste ámbito de maneira autónoma ofrecendo servizos a concellos e asociacións culturais. Destacamos a súa etapa coma Delegado de Animación Sociocultural no Instituto de Estudios Valdeorreses (I.E.V. O Barco de Valdeorras) onde organizou dous Congresos Comarcais de Animación Sociocultural. O primeiro deles transformouse en libro (Caderno Monográfico nº 38.2001).
Autor de varios artigos e comunicacións, amén do libro reseñado, en revistas culturais, destaca polo seu amor polas tradicións galegas, especialmente da comarca de Viana do Bolo (Ourense), lugar da súa residencia dende hai dez anos. Na actualidade colabora de maneira continuada co Concello de Viana do Bolo onde desenvolve servizos de turismo e programación de actividades educativas, deportivas e socioculturais.
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.